top of page

O cume do monte de Alcobre (413 m.), entre Carbia e Piloño, é un excelente mirador sobre o val do Ulla. Nos tempos primitivos servíu de emprazamento para un castro (cítao a infanta Elvira na súa doazón do século XI), e sobre este foi levantando un torreón ou castelo. Sábese que no ano 1280 existía, pois en tal data apodéranse as tropas de Alfonso X de varias fortalezas de Mitra, e entre elas figuraba esta de Alcobre. Pouco despois foi devolto á Igrexa de Santiago polo fillo do Rei Sabio, Sancho IV.

A finais do século XV volve a ser noticia o cume de Alcobre. En torno a 1474 o arcebispo Fonseca, co fin de vixiar e controlar os movementos da guarnición de Cira, decide levantar sendas fortalezas nos cumes de Picosacro e Alcobre. Suponse que para a súa construcción se usaron os restos do antigo torreón e se contou coa axuda que poideran aportar cos seus carros e as súas mans os vasaios de Vila de Cruces.

Non lle agradou o plan do arcebispo ó de Altamira e, despois de convocar ós seus aliados (o conde de Camiña, Diego de Andrade e o mesmo bispo de Tui), viñeron xuntos a sitiar Alcobre. Vasco de Aponte, que relata estes sucesos, di que os sitiadores sumaban unhas oitenta lanzas e ata 1.500 peóns. Pero non resulta doado asaltar un castelo recentemente construido, con boas defensas e nun lugar de difícil acceso.

O Conde de Camiña (o famoso Pedro Madruga de Sotomayor) e o belicoso bispo de Tui querían comezar o asalto rapidamente, pero o de Altamira, mellor aconsellado, acordou retirarse a buscar outra solución. Esta consistiu en ocupar as ruínas do castelo de A Rocha, ás portas de Santiago, e negociar despois con Fonseca: deixarían libre este estratéxico enclave da Mitra se o arcebispo ordeaba derribar Alcobre. E así se fixo.

Os vasaios de Carbia terían que volver cos seus carros e cos seus bois á cima de Alcobre para derribar a fortaleza que acababan de levantar. No lugar só quedan o que parecen restos de cimentación e algúns foxos.

(http://www.viladecruces.es/index.php/gl/o-castelo-de-alcobre)

 

Esto é a historia que se recolle na paxina web do Concello de Vila de Cruces, pero O Coto de Alcobre, é un pequeno monte cheo de lendas, historias e maxicos contos dos dias de inverno o calor da lareira.  Os meus primeiros recordos de Alcobre, liganse a este monte, a estas sendas, pedras e grutas. Recordo como se contaba que o coto de Alcobre, era en realidade unha montaña totalmente construida, por os antigos pobladores de esta aldea, dician que o coto en realidade e hoco e que na cima hai unha cova por onde se accedia a esta antiga fortaleza. A lenda di que os pilares que sosteñen o coto, son de oro puro, e que a cova conduce aos vestixios dunha poboación chea de riquezas e sabiduria, que supo gardarse baixo terra por centos de anos. Contan a historia de cans e gatos que se perdian no profundo da cova e que aparecian despois de meses moito mais gordos e grandes. Cantas noites pasei na miña infancia, soñando con perderme por esa gruta na busqueda dese paraiso mitoloxico, igual soñando....

bottom of page